Pestanas principais

Preséntase o Club de mocidade con diversidade de Ames

Mércores, 06 de marzo de 2024

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación dunha nova iniciativa: o Club de mocidade con diversidade de Ames, que está estreitamente ligado co Club Xuvenil presentado a pasada semana. Está dirixido a mozos e mozas dse 13 a 25 anos con diversidade funcional e que prioritariamente estean empadroados no concello de Ames. Participarán en xuntanza quincenais e actividades familiares (unha por trimestre). A primeira xuntanza coas familias será este sábado, 9 de marzo, ás 17.00 horas, no local social de Agrón. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 667 665 705 ou escribir un correo electrónico ao enderezo: clubxuvenilames@gmail.com.

As concelleiras de Benestar Social, Uxía García, e de Mocidade, Carmen Porto, presentaron esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello, o Club de mocidade con diversidade de Ames, que está estreitamente vinculado ao Club Xuvenil presentado a pasada semana. As dúas concelleiras estiveron acompañadas da técnica do departamento de Xuventude, Pili Villaverde, e de Dora Vieiro, da empresa Aquelando SL, que é a encargada de xestionar o club xuvenil e mailo club de mocidade con diversidade.

Trátase dunha nova iniciativa dirixida a mozos e mozas de Ames que teñan entre 13 e 25 anos de idade e que teñan algún tipo de diversidade funcional. Está dirixido prioritariamente a rapaces e rapazas que estean empadroados no concello de Ames. Participarán en actividades de lecer propostas polo monitorado e polos membro do club. Ademais, os membros de dito club farán xuntanzas quincenais e actividades familiares (unha por trimestre). Todas as actividades estarán xestionadas e supervisadas por monitores/as titulados. No club de mocidade con diversidade haberá unha ratio de 1 monitor/a por cada  3 participantes.

Primeira xuntanza do club de mocidade con diversidade
A primeira xuntanza coas familias será este sábado, 9 de marzo, ás 17.00 horas, no local social de Agrón. O obxectivo deste primeiro encontro é explicarlles aos mozos e mozas interesados/as e as súas familias en que consiste esta iniciativa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 667 665 705 ou escribir un correo electrónico ao enderezo: clubxuvenilames@gmail.com.

Presentación da iniciativa
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que “a idea é crear un grupo de rapaces e rapazas con características similares e que ademais serva para visibilizar que non todos somos iguais. Hai mozos e mozas que teñen unhas determinadas características e iso non quere dicir que non poidan integrarse con outros mozos e mozas sen ningún tipo de diversidade funcional. Por iso vai ser un club que traballe en certas actividades de xeito conxunto co club xuvenil que se presentou a semana pasada”.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, sinalou que “hai unha semana presentamos o club xuvenil e hoxe toca presentar este novo club de mocidade con diversidade. Ames é o concello máis xoven de Galicia, por iso temos o deber de atender a nosa mocidade, pero tamén a aqueles rapaces e rapazas que tanto o precisan, a aqueles mozos e mozas que por diferentes circunstancias se merecen unha atención especial. Creo que estes clubs son unha boa ferramenta para propiciar o asociacionismo xuvenil e para promover a participación activa da mocidade. Con este club de mocidade con diversidade creamos un espazo no que as familias creen lazos de amizade. Estas iniciativas tamén están ligadas ao plan de saúde mental, que está previsto que se poña en marcha ao longo dese ano. Estes clubs xuvenís son o primeiro paso para a creación do Consello municipal da mocidade, por iso facemos un chamamento aos mozos e mozas e as súas familias para que se animen a participar”.

Club Xuvenil de Ames
O Club de mocidade con diversidade de Ames está estreitamente relacionado co Club Xuvenil presentado a pasada semana. Co Club Xuvenil de Ames búscase crear un grupo de acción xestionado e dirixido polos propios mozos e mozas do concello. O pasado sábado 2 de marzo botou a andar dito club cunha primeira xuntanza coas familias no local da Factoría, onde se lles explicou este proxecto e aclaráronse as dúbidas existentes.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Un Club de mocidade abordará el ocio de los jóvenes de 13 a 25 años con diversidad en Ames"

Preséntase o Club de mocidade con diversidade de Ames

Multimedia

  • Preséntase o Club de mocidade con diversidade de Ames
  • Preséntase o Club de mocidade con diversidade de Ames
  • Preséntase o Club de mocidade con diversidade de Ames