Pestanas principais

A Xunta de Galicia intentará frear xudicialmente o investimento de 4,4 millóns de euros que o Goberno do Estado destinará á humanización de Rosalía de Castro

Mércores, 07 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de comunicar, con data do 6 de febreiro de 2024, por medio do Director Xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez Iglesias, que presentará un recurso contencioso administrativo contra o proxecto de humanización da travesía do Milladoiro. Este anuncio chegou 5 meses despois de que Menéndez, nunha intervención na Comisión 2ª do Parlamento Galego, adiantara que a Xunta de Galicia interporía un recurso para paralizar o proxecto de humanización da travesía do Milladoiro.

O rexedor amesá vinculou a forma de actuar da Xunta de Galicia coa necesidade de facerlle oposición ao Goberno de España a estas alturas de campaña electoral así como de atopar unha compensación económica polo desvío do tráfico polas vías autonómicas: “Para esta Xunta de Galicia a saúde e a seguridade dos veciños do Milladoiro custa 2 millóns de euros e un puñado de votos”, resume García.

O alcalde tamén lle afea tanto á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como ao Director da AXI, Francisco Menéndez, a falta de respecto institucional que amosaron durante todo este proceso, dende o primeiro anuncio en prensa en outubro do ano pasado ata a comunicación oficial, 5 meses despois, por vía dun recurso contencioso administrativo: “Esta Alcaldía tendeu sempre a man para buscar unha solución e non obtivo resposta nin por parte da Conselleira nin do director. Nunca buscaron o acordo, quixeron chegar a este punto dende o primeiro instante”.

Nos vindeiros días, cando se coñeza o contido da demanda, o Concello de Ames estudará as accións a levar a cabo xunto a Delegación do Goberno e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

A humanización da travesía do Milladoiro (N-550)
Este proxecto consiste na humanización da estrada N-550 entre os puntos quilométricos 67+075 e 68+600, na travesía do Milladoiro, co obxectivo de calmar o tráfico e adaptar a infraestrutura aos usuarios vulnerables, mellorando a mobilidade, seguridade e sustentabilidade. Esta actuación finánciase con cargo ao programa de mellora de contornas urbanas do Plan de Recuperación, dotado con 105 millóns dos fondos europeos.

A avenida de Rosalía de Castro disporá dun único carril de circulación en cada sentido e unha mediana con xardín entre os carrís de circulación. Ademais, en función do espazo dispoñible crearanse unha ou dúas liñas de aparcamento con zonas de carga e descarga, así como beirarrúas con maior anchura e un carril bici. A actuación executarase nun trazado dun quilómetro e medio entre a rotonda de entrada ao Milladoiro e maila rotonda que está ao carón do supermercado Gadis. En dita travesía crearanse dúas novas intersección (glorietas); unha delas a altura da rúa Figueiras e da rúa Curuxa, mentres que a segunda estará situada entre as rúas Castelao e a rúa Madalena.

Deste xeito, a actuación na avenida de Rosalía de Castro converterá a actual travesía, pola que circulan 30.000 vehículos diarios, nunha vía urbana para mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e mellorar a calidade de vida da poboación da súa contorna. O proxecto contempla a reordenación e optimización do espazo público, pavimentación de beirarrúas e carrís de circulación, así como a xeración de itinerarios peonís accesibles. Daráselle prioridade ao transito peonil pero sen restrinxir o tráfico rodado. Ademais, renovaranse as zonas de parada do servizo de transporte metropolitano.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La Xunta lleva al juzgado el proyecto de humanización de O Milladoiro"

El Correo Gallego: "A Xunta presenta un contencioso contra o proxecto do Estado para humanizar a travesía do Milladoiro"

El Correo Gallego: "Blas García acusa a Xunta de pór prezo á seguridade no Milladoiro ao recorrer o proxecto da travesía"

Ames Go: "Malestar no Concello polo anuncio da Xunta de tentar frear xudicialmente a humanización de Rosalía de Castro"

Ames Go: "O PP di que dous carrís en Rosalía de Castro é volver ao pasado e prexudica a outras parroquias"

Imaxe de arquivo da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro