You are on page 1of 2

Xosé Lois Jácome Enríquez, deputado do grupo mixto (Coalición SON), no

seu propio nome e no nome do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de


Galicia presenta a seguinte moción para o seu debate e a súa aprobación, se
procede, no pleno da Deputación de Pontevedra:

MOCIÓN A PROL DA REGULARIZACIÓN DA EDUCACIÓN SOCIAL

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A profesión de Educador/a Social adquire rango universitario en 1991, coa


publicación do Real Decreto 1420/1991, que xorde despois dunha ampla
mobilización social reivindicativa do papel relevante deste perfil profesional en
desenvolvemento das políticas sociais e educativas.
A figura da Educadora e do Educador Social en Galicia e en España é froito da
combinación de tres históricas ocupacións: as educadoras e educadores
especializadas/os, as animadoras e animadores socioculturais e as educadoras
e educadores de persoas adultas, todas elas diferentes pero converxentes, na
medida en que a súa actividade profesional se move nos campos da
inadaptación, da alfabetización, da exclusión, da marxinación social, da
integración, da capacitación profesional, do desenvolvemento comunitario, etc.
Esta figura profesional foi ampliando a súa cobertura de acción, asumindo unha
amplitude de funcións que evolucionaron e matizáronse nas últimas décadas co
fin de construír unha identidade profesional da Educación Social. A súa rápida
expansión é o reflexo do carácter dinámico, socializador e de transformación
social da figura da Educadora e do Educador Social.
O Ministerio de Educación e Ciencia incorpora de maneira oficial a titulación de
Educación Social tras a aprobación de Real Decreto 1420/1991, de 30 de agosto,
polo cal se establece o Título Universitario Oficial de Diplomatura en Educación
Social, proporcionando de esta maneira a formación profesional básica ás/aos
futuras/os profesionais, a través da adquisición de capacidades, funcións e
competencias adaptadas ao seu perfil profesional e aos contextos sociais onde
a Educación Social está chamada a actuar.
Como profesión de carácter pedagóxico que desenvolve a súa actividade nunha
gran variedade de contextos sociais, entre os que está o educativo,
desenvolveuse un amplo discurso, froito da rica experiencia das/os profesionais
e a súa confluencia co mundo académico universitario, ao que debemos engadir,
o desenvolvemento das estruturas de participación e regulación da profesión,
con colexios profesionais de Educación Social en practicamente todas as
Comunidades Autónomas (en Galicia dende o 2001), así como a creación do
Consejo General de Colegios Oficiales de Educadoras y Educadores Sociales,
no ano 2006.
A día de hoxe, o seu papel é fundamental no ámbito dos servizos sociais nun
Estado Social e Democrático de Dereito xa que a súa intervención garante
dereitos tan básicos para a cidadanía como son a igualdade e a xustiza social.
As/os profesionais da educación social traballan co obxectivo de axudar nun
proceso de socialización que é clave para acadar unha sociedade máis
equitativa, así como para conseguir o dereito ao desenvolvemento persoal que
teñen as persoas destinatarias da súa intervención. Melloran competencias e
aptitudes, promocionan a autonomía e independencia, preveñen e compensan
déficits e inadaptacións sociais, favorecen e participación activa das persoas en
grupos así como a creación to tecido social e asociativo, promoven o traballo
comunitario... numerosas e indispensables funcións nunha intervención social
sobre a base da educación e da aprendizaxe.
O seu papel no ámbito da xuventude, da cultura, da educación, e dos servizos
sociais, é clave para completar o abanico de disciplinas que desde distintas
perspectivas permiten unha intervención social integral, sobre todo en sectores
clave como é o dos menores e as familias.
Non obstante, pese a innegable contribución ao benestar social e ao
recoñecemento da profesión como tal cuns estudos universitarios que a avalan
e un colexio profesional que a representa, a falta de regularización da educación
social fai que non estean claros os límites e o alcance da mesma, tanto nas
entidades públicas, nas entidades privadas como no terceiro sector. Este
descoñecemento implica que con frecuencia se asignen a outras/os profesionais
do ámbito social, funcións propias das educadoras e educadores sociais.
Estas circunstancias poñen de manifesto a necesidade dunha regulación da
profesión da Educación Social como instrumento que visibilice, dignifique e
reivindique o seu papel como axente de cambio na nosa sociedade.
O colectivo de educadoras e educadores sociais, así como outras cidadás e
cidadáns, teñen presentado multitude de solicitudes de petición de regularización
da profesión de Educación Social a través dunha lei. Moitas entidades e
institucións manifestaron tamén o seu apoio a esta iniciativa, entre os que se
pode mencionar a modo de exemplo a Deputación de Jaén, Deputación de
Sevilla, Deputación de Córdoba, Deputación de Almería, Deputación de Cádiz,
Deputación de Segovia, Deputación de León, Deputación de Valladolid, Cabildo
de Gran Canaria, Universidade de Estremadura, Facultade de Educación da
Universidade de Salamanca, Facultade de Educación do Campus de Ourense
(Universidade de Vigo), Parlamento de Navarra, Cortes de Aragón, así como
numerosos concellos nas diferentes comunidades autónomas.
Por todo isto, é polo que se adoptan os seguintes:
ACORDOS

1. Instar á Xunta de Galicia á Regularización da Profesión da Educación


Social en Galicia a través dunha Lei Galega de Profesionalización da
Educación Social.
2. Instar ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a
desenvolver unha Lei de Regularización da profesión de Educación Social,
a nivel estatal.

XOSÉ LOIS JÁCOME – COALICIÓN SON. 15/03/2018

You might also like