Pestanas principais

O Concello de Ames coordina con Defensa do Monte e SEAGA as limpezas subsidiarias comprometidas na última xuntanza mantida

Mércores, 06 de marzo de 2024

Manuel Rodríguez, Director Xeral de defensa do Monte, achegouse ata o Concello de Ames para coordinar co departamento de Xestión do Medio Rural os traballos pendentes de limpezas subsidiaras das vías e franxas secundarias. Nesta visita o Director Xeral puido reunirse co alcalde, Blas García, e co concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo apreciou o xesto do Director Xeral, Manuel Rodríguez, e a boa disposición amosada para cumprir o compromiso acadado no pasado mes de agosto: “Apreciamos o xesto do Director Xeral de achegarse a Ames e comprobar de primeira man algunhas das parcelas que incumpren reiteradamente a limpeza nas franxas secundarias. É vital que estes traballos avancen a bo ritmo antes da chegada do verán”.

Manuel Rodríguez, Director Xeral de Defensa do Monte, puxo en valor o alto grao de coordinación e colaboración existente entre a Xunta e o Concello de Ames nesta materia concreta de prevención dos incendios forestais e comprometeuse a continuar nesta liña de traballo coas autoridades municipais para acelerar os traballos de limpeza que comezarán de inmediato.

Dende a Concellería dirixida por Antelo tamén advirten en que estas limpezas subsidiarias serán acompañadas dun expediente sancionador, que contempla a incautación da madeira cortada, a asunción do custo dos traballos realizados e unha multa económica pois “os propietarios das fincas foron notificados en tempo e forma para a limpeza dos terreos nos que agora debemos actuar de oficio de forma subsidiaria”.

Convenio  de colaboración entre Xunta, Fegamp e Seaga
A xestión dos espazos, para a prevención do lume, corresponde aos titulares dos terreos e, de xeito subsidiario, aos concellos. No ano 2018 a Xunta subscribiu un convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa empresa pública Seaga que permitiu crear un sistema público de xestión da biomasa nestas faixas.

Este convenio de protección das aldeas, ao que xa están adheridos un total de 283 concellos, é dicir, o 90,41% dos municipios galegos -entre eles o de Ames-, busca contribuír e garantir a prevención de incendios forestais, para que deste xeito se acade unha diminución do número de lumes nas zonas de interface urbano-forestal, o que repercute no interese público polo que supón para a seguridade das persoas e dos bens.

Ames, referencia en materia de prevención de incendios
O Concello de Ames dispón tamén dun plan de de prevención de incendios forestais que consiste no financiamento do 80% da plantación de frondosas caducifolias en faixas de 50 metros, que deben estar exentas de eucaliptos, pinos ou acacias. Este plan leva activo dende o ano 2016 e durante este ano comezarase coa sétima fase, presentado á veciñanza de Cruxeiras en xaneiro deste ano.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ultiman la limpieza de fincas de Ames que incumplen la ley de prevención de incendios"

Lindeiros: "Ames traballa xa na limpeza dos montes de cara ao verán"

Ames Go: "Xunta e Concello reforzan a colaboración en prevención de incendios forestais"

O Concello de Ames coordina con Defensa do Monte e SEAGA as limpezas subsidiarias comprometidas na última xuntanza mantida

Multimedia

  • O Concello de Ames coordina con Defensa do Monte e SEAGA as limpezas subsidiarias comprometidas na última xuntanza mantida
  • O Concello de Ames coordina con Defensa do Monte e SEAGA as limpezas subsidiarias comprometidas na última xuntanza mantida