Novas por contido

A experiencia deste ano demostrou que o teletraballo é unha ferramenta fundamental para a prestación dos servizos públicos que evitou o peche dos mesmos e demostrou que os servizos de carácter administrativo puideron seguir funcionando con normalidade e con altos índices de eficiencia durante a crise do COVID.

Pero lonxe de aprender desta experiencia, a Xunta nos presenta un borrador de acordo sobre o teletraballo con algúns avances pero tamén con varias eivas e limitacións.

Como CIG queremos destacar unha serie de elementos deste borrador que nos sirvan para afrontar a negociación.

 

A vía máis doada: exclusión total de determinados corpos, escalas e colectivos en vez dunha análise concreta dos postos de traballo

Se ben a nova regulación do teletraballo parece configurar un sistema máis amplo en canto ao persoal que pode recorrer a esta modalidade, establece en realidade un sistema de limitacións que debería ser máis flexible (exclúe colectivos completos onde parte dos seus efectivos fan todo ou parte do traballo de carácter administrativo).

Esta exclusión de corpos e escalas completos é máis cómoda para a Xunta que determinar que postos de traballo concretos poden acollerse ao teletraballo ou non. A modo de exemplo, nun instituto de ensino secundario onde hai 3 ou 4 auxiliares administrativos, por que se exclúe a este persoal do teletraballo?

 

Flexibilización por conciliación OU teletraballo

No relativo á conxugación do teletraballo con medidas de flexibilización horaria por conciliación xa existentes o borrador supón un retroceso ao restrinxir esta flexibilidade ás franxas da ordinaria (de 9 a 14:30 como período obrigatorio de conexión) o que supón dinamitar a flexibilización horaria por coidado de fillos menores ou maiores a cargo e impedir que o persoal que xa a teña autorizado poida acollerse ao teletraballo.

 

Concursos e promoción interna OU teletraballo

Outra limitación absurda establecida neste borrador é a de esixir 2 anos de servizo no posto de traballo para o cal se solicita o teletraballo. Isto parece significar ou que ben a Xunta ou non quere teletraballo ou non quere mobilidade nin concursos nin promocións internas, porque quen se mova non vai saír na foto do teletraballo.

 

Redución das xornadas de teletraballo con respecto ás actuais

Restrínxense as xornadas que se poden prestar nesta modalidade en relación á regulación actual pasando a ser a metade das xornadas laborais mensuais o que reduciría en cómputo semanal as xornadas de 3 a 2,5.

 

O 40%: Presente!

Outra limitación arbitraria, recurso da indolencia intelectual da Xunta é a de fixar como café para todos unha porcentaxe de presenza dos efectivos de cada unidade administrativa, neste caso do 40%. É o camiño máis cómodo en vez de analizar as necesidades de presenza do persoal en cada unha das unidades.

 

Día do contaxio

Establécese que un día de cada semana todo o cadro de persoal de cada unidade administrativa preste servizos de forma presencial simultaneamente. Se ben nunha situación de normalidade isto pode ser aceptable, na situación actual non parece unha grande idea e habería que contemplar a suspensión desta obriga nunha disposición transitoria.

 

A parsimonia coas solicitudes de teletraballo actualmente en trámite

Para as solicitudes presentadas este ano e que estean en trámite á entrada en vigor deste acordo, a Administración amplía o seu prazo outros 3 meses máis para resolver o que non foi capaz de resolver, polo que haberá persoas que teñan unha agardar de ata 6 meses para poder teletraballar.

 

Medios propios OU ata un ano para que che concedan o teletraballo

No caso de non utilizar medios propios hai que esperar a que AMTEGA os facilite. A pesar do que di a nova modificación do EBEP, a Xunta establece que a obrigatoriedade de facilitar os medios non vai ser efectiva ata que transcorra un ano dende a entrada en vigor, o que supón que se a persoa non ten os medios non poderá teletraballar.

 

E o dereito á desconexión dixital?

Como xa dixemos aquí, na modificación do teletraballo no EBEP asinada por CCOO, UGT e CSIF, un dos motivos da CIG para non asinala foi que moitas das nosas demandas se contemplaban na exposición de motivos pero non na parte dispositiva e polo tanto non obrigaban ás administracións. Unha delas era a desconexión dixital, e parece que desgraciadamente tiñamos razón. Para a Xunta o que está na exposición de motivos non existe e por isto non contempla este dereito.

 

Conclusións provisionais

Parece que moitas destas limitacións, como a incompatibilidade con algunhas flexibilidades horarias ou con concursos e promocións internas, parecen destinadas a impedir que o persoal que teletraballa non sexa a maioría que en principio se deduce.

A Administración segue a gardar un as na manga ao establecer as necesidades do servizo como guillotina das concesións do teletraballo.

Todo parece ralentizarse, danse un ano de vacatio da obriga de facilitar os medios e prorróganse o seu prazo para resolver as solicitudes en trámite 3 meses máis.

En definitiva, que o que nos presentan é un documento ambiguo, con algúns avances, pero tamén con retrocesos. Retrocesos con respecto ao teletraballo COVID, pero tamén con respecto á regulación anterior.

Non parecen entender que o teletraballo non só é un dereito senón un sistema eficaz para dar cumprimento aos cometidos das administracións públicas, unha ferramenta que pode permitir a unha administración afrontar retos como o presente ou futuros. A percepción da Xunta de que o teletraballo debe ser algo anecdótico, restrinxido a uns poucos e graciable na súa concesión, é o pasado. E na CIG apostamos polo futuro.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.