[ENSINO] CON DEREITOS E SOLUCIÓNS

A realidade que o COVID-19 deixa ao seu paso no eido educativo está a xerar, coma noutras dimensións da vida persoal e social, obstáculos e problemáticas para as que non tiñamos a receita. A piques de cumprirmos o segundo aniversario do confinamento, agora xa en Fase 1, a incerteza semella ser o único elemento que a Xunta de Galiza está a proporcionar en cantidades suficientes para que lle chegue un pouco a cada estudante e profesional. 

Desde Galiza Nova entendemos que se trata dunha situación excepcional e que todas as medidas deberían estar sempre orientadas a garantir, por unha banda, o benestar físico e mental do conxunto da poboación, e pola outra, os seus dereitos fundamentais. A nivel educativo pensamos que as propostas deberían ir encamiñadas estabelecer plans e programas de desdobre, acompañamento e reforzo educativo  ao comezo do seguinte curso (2020/2021), o que evidentemente non é viábel se non hai un aumento considerábel do número de profesionais nos centros e nas aulas. 

Nos resultados dunha enquisa realizada no mes de abril pola CIG-Ensino, ponse de manifesto que tan só un 10% do profesorado entrevistado afirmaba que a participación do alumnado nas súas sesións era superior ao 90%, fronte a un 25% das aulas nas que a participación é inferior ao 30%. Aínda que existen problemáticas derivadas das ferramentas telemáticas e da cobertura de rede (tan modernizada como está no rural do noso país, por exemplo), o corpo docente atopouse tamén con condicionantes socio-económicos á hora de poder chegar a todo o seu alumnado o que, desde Galiza Nova, entendemos que significa que non se están a cumprir os mínimos para poder afirmar que neste país se cumpre o dereito á educación nin a igualdade de oportunidades

Do mesmo xeito, entendemos que a realidade educativa do noso país posúe características de seu, e que a Consellería aínda tendo as competencias, preferiu manter silencio durante os primeiros 35 días do estado de Alarma, tomando posición en relación ao ditado polo goberno central en función dos seus intereses, principalmente, electoralistas. Isto amosa unha vez máis que estamos a falar dun goberno que carece de sentido da iniciativa e prefire deixar a toma de decisións en mans alleas.

Porén, no ensino universitario atopámonos unha diversidade de situacións e problemáticas se cadra maior, en canto a universidade, campus, ciclo, rama de coñecemento… Todo partindo da base de que a totalidade das estudantes teñen acceso aos seus apuntamentos, xa que nalgún caso estes son físicos e non hai posibilidade de desprazarse a recuperalos. O principal obstáculo co que se están enfrontando as estudantes galegas é esa incerteza, tanto de poder adquirir os contidos e competencias, como de poder ser avaliadas e promocionar axeitadamente. 

O que se decida no nivel universitario ten que pasar por reducir ese grao de incerteza no estudantado, evitando formular solucións curtopracistas condicionadas a hipóteses sobre a superación das fases. Por iso, cremos desde Galiza Nova que o sistema de avaliación non pode depender de saír nun mes ou noutro do estado de alarma, senón haberá que artellar iniciativas nas que os procesos avaliativos sexan xustos, e no que independentemente da nosa situación económica, familiar e/ou xeográfica poidamos acceder, primeiro a ser avaliadas, e despois, a promocionar. 

Finalmente, pensamos que tanto no ensino universitario coma no non universitario, o diálogo debería ser o instrumento das Administracións para dar unha resposta eficaz e eficiente á crise educativa causada polo COVID-19, pois só contando cos puntos de vista das persoas directamente implicadas seremos quen de artellar como pobo e sociedade, unha resposta de país que sexa xusta, non discriminatoria, e na que se garantan os dereitos das estudantes. 

O Ministerio de Educación ten unicamente competencias organizativas e de currículum, polo que a inmensa maioría dos elementos que vertebran os sistemas educativos dependen das Consellarías de Educación. No caso do goberno galego semella que, voluntaria ou involuntariamente, a pasividade e a inacción son norma.