Ao son da nosa música

QUEN SOMOS?
Ao Son Da Nosa Música é un proxecto socio-educativo pensado para conectar e difundir de xeito colaborativo a actividade que se fai nas aulas dos centros escolares ao redor da música en galego e achegar ás aulas as creacións artísticas dun xeito directo.

Levamos anos observando a grande cantidade de produción musical de calidade en galego que xera o país. Pola contra, tamén constatamos nas aulas que o noso alumnado descoñece a maioría destas propostas artísticas.

Ao mesmo tempo, somos conscientes de que hai diversos espazos de encontro moi interesantes nos que podemos atopar información sobre as creacións de música en galego. As redes están cheas de información e ás veces é complexo facerlla chegar á comunidade educativa de xeito eficiente.


A QUEN VAI DIRIXIDO?

Ao alumnado en primeira instancia para facilitar a súa conexión coa música creada en galego de xeito directo e significativo.

Pretendemos conectar con centros educativos, equipos de dinamización da lingua, bibliotecas escolares, aulas de música, profesorado e comunidade educativa que acreditan nas artes como ferramenta de construción masiva.

Procuramos a complicidade de artistas que desexen participar activamente no proxecto.


QUE PRETENDEMOS?

Promover un diálogo entre a comunidade educativa e as persoas que están a crear música en galego.

Gustaríanos construír un contedor cultural colaborativo no que sumar todas as sinerxias posíbeis para visibilizar -dentro e fóra das comunidades educativas- o fervedoiro de creatividade musical do noso país.

Fornecer a toda a comunidade educativa dun repositorio que podamos implementar de xeito expansivo e colaborativo entre todas e todos co paso do tempo.

Así pois, consideramos preciso tecer pontes de unión entre o mundo artístico e o mundo de ensino dun xeito expansivo.

Para isto botamos andar este modesto proxecto e precisamos da túa complicidade.

Axúdasnos a asubiar?


Este proxecto lévase adiante por Manuel Maseda Deán e Martiño Ramos Soto ao abeiro dunha licenza de formación durante o curso 2021-2022 e está protexido por unha licenza creative commons atribución-non comercial-compartirigual 4.0