Pestanas principais

O Concello investirá 330.000 euros na humanización da rúa Agrelo

Sábado, 03 de febreiro de 2024

O Goberno municipal traballa na mellora e humanización das rúas dos núcleos urbanos e das estradas e vías interiores dos núcleos do rural. Neste caso o Concello vai investir máis de 300.000 euros no proxecto de humanización da rúa Agrelo, situada na localidade de Bertamiráns. Para elo a Xunta de Goberno local aprobou o pasado 6 de novembro o expediente de licitación das obras de mellora da mobilidade na rúa Agrelo, en Bertamiráns, por 329.911,30 euros. Este proxecto enmárcase dentro do POS+ Adicional 2/2023. Deste xeito, dáselle continuidade á humanización da Améndoa central de Bertamiráns, que estivo cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

O obxectivo do Goberno municipal é facer que as rúas e espazos públicos sexan máis amables para a veciñanza coa finalidade de favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé; mellorar a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuír á dinamización da economía e do comercio local. Tendo en conta isto foi como se executou a humanización da Améndoa central de Bertamiráns, que formaba parte da EDUSI Impulsa Ames, e que foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Agora, quérese continuar coa humanización da rúa Agrelo, que linda coas rúas Entrerríos e Alcalde Lorenzo xa humanizadas previamente. Para iso a Xunta de Goberno local aprobou o pasado 6 de novembro o expediente de licitación das obras de mellora da mobilidade na rúa Agrelo, en Bertamiráns, por 329.911,30 euros. Este proxecto enmárcase dentro do POS+ Adicional 2/2023.

O alcalde, Blas García, destaca que “o Concello de Ames vai devolverlle a vida a unha rúa céntrica do núcleo de Bertamiráns que, na actualidade, non está a aproveitar todo o seu potencial. A actuación de Agrelo non é máis que a continuación do proceso de transformación no que o Concello de Ames ten inmersos aos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns para facelos máis amables, habitables e no que as persoas recuperen o seu espazo na rúa”.

Características do proxecto
As actuacións proxéctanse sobre o sistema viario existente, pensado e proxectado dende a perspectiva do automóbil e teñen por obxecto reverter esta situación en favor do tránsito peonil e ciclista, de maneira que a rúa Agrelo se converta na conexión entre a Améndoa central de Bertamiráns e o paseo fluvial, dando prioridade aos percorridos a pé e en bicicleta fronte ao tráfico rodado. Con este fin dotarase á rúa dun carril en sentido único de circulación, aparcamento en liña e beirarrúas máis amplas.

Tendo en conta as características actuais da rúa, divídense as actuacións en tres treitos. O primeiro é o treito que entronca coa rúa Entrerríos que contará cun carril de 3,50 metros, unha banda de aparcamento de 2,50 metros e beirarrúas de 5,50 metros e 2,50 metros nas marxes esquerda e dereita, respectivamente.

No segundo treito que entronca coa rúa Alcalde Lorenzo disporase un carril de 3,50 metros, dúas bandas de aparcamento en liña de 2,50 metros e beirarrúas de 3,00 metros e 2,50 metros nas marxes esquerda e dereita, respectivamente. Por último, no treito intermedio disporase unha zona de convivencia do tráfico peonil e rodado nunha plataforma elevada, co fin de dar continuidade ao itinerario peonil e ciclista dende a Améndoa central cara o paseo fluvial.

Xuntanza coa veciñanza de Agrelo
Previamente á licitación do proxecto, o alcalde, Blas García, reuniuse a finais do pasado mes de outubro coa veciñanza da rúa Agrelo, en compaña dos concelleiros de Obras e Urbanismo, Gustavo Nieto e Victor Fernández, así como un técnico da empresa redactora do proxecto, Estudo Técnico Galego. Esta xuntanza respondeu á vontade dos presidentes das comunidades de propietarios de coñecer de primeira man o proxecto de humanización da rúa Agrelo, aínda que foi aberta a calquera veciño e veciña que quixese participar.

Acondicionamento da travesía da Peregrina
Por outra banda, na Xunta de Goberno Local do 1 de decembro aprobouse o segundo expediente de licitación das obras de acondicionamento da travesía da Peregrina (AC 544 dende a intersección da Maía ata o PQ 0+610), que ten un orzamento de contratación de 81.973,94 euros. Unha vez rematada a creación do carreiro escolar, que foi cofinanciado con fondos FEDER, preténdese mellorar o pavimento da travesía da Peregrina. Esta actuación enmárcase dento do convenio asinado coa Xunta da Galicia para ceder este tramo da AC 544 ao Concello de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan de humanización de Bertamiráns llega a la rúa Agrelo"

El Correo Gallego: "Ames priorizará a mobilidade a pé e en bicicleta co plan de humanización da rúa Agrelo"

Imaxe da rúa Agrelo

Multimedia

  • Imaxe da rúa Agrelo
  • Imaxe do proxecto de humanización da rúa Agrelo