Pestanas principais

Apróbase a adxudicación do servizo de xestión do laboratorio amesán de produción audiovisual, o Ames AV Lab, por 85.586 euros

Martes, 06 de febreiro de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do servizo de xestión do laboratorio amesán de produción audiovisual (Ames AV LAB). O contrato foi adxudicado á empresa Craftium SL por un importe de 85.586 euros (IVE incluído). O Ames AV Lab é un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no concello.

O Ames AV Lab, o proxecto amesán que busca transformar e avanzar cara a nova produción audiovisual, adaptada ás tendencias e demandas do consumidor, contará cun servizo de xestión, coordinación, asesoramento, comunicación e difusión. A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do servizo de xestión á empresa Craftium SL por  85.586 euros (IVE incluído).

A provincia da Coruña, e, en concreto, Ames, presentan unha alta especialización no sector audiovisual. Existen grandes produtoras, empresas líderes en service, estudios de gravación líderes en tecnoloxías de carácter polivalente, empresas líderes en postprodución... O Concello, grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña, puxo en marcha esta iniciativa, que se concibe como un laboratorio que tratará de apuntalar o talento que o audiovisual xa ten conformado, e axudará a crear unha nova xeración de persoas que traballen no sector con vocación innovadora.

Por outro lado, o proxecto busca avanzar cara un modelo de desenvolvemento sostible do audiovisual, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de igualdade de xénero, traballo decente e crecemento económico, a innovación, a dixitalización industrial e a redución das desigualdades.

As instalacións do espazo colaborativo A Proa, situadas no parque empresarial do Milladoiro, serán empregadas como sede principal, e búscase ofrecer unha tecnoloxía innovadora que permita planificar a postprodución dende que os proxectos boten a andar, así como que sexa posible facer medicións de audiencia para coñecer as demandas do consumidor. O laboratorio busca tamén que todas as iniciativas que se creen na Proa traballen conxuntamente, de maneira que se creen sinerxias e medren os proxectos.

Laboratorio amesán de produción audiovisual
O alcalde de Ames, Blas García, indicou que “damos un paso máis de cara a posta en marcha do laboratorio amesán de produción audiovisual. Trátase dun proxecto moi importante no que se fai unha clara aposta polo audiovisual e pola formación de persoas neste ámbito”.

Ademais apuntou “somos un concello que aposta polo audiovisual e que ten importantes empresas do sector afincadas no municipio, no parque empresarial do Milladoiro, onde ademais temos o espazo de colaboración A Proa, financiado e impulsado pola Deputación da Coruña, que está enfocado ao audiovisual e ao sector tecnolóxico e que nos vai a servir para, conxuntamente coas empresas tanto do concello como de fóra, para achegarlle a información que necesitarán aos proxectos”.

Dito servizo inclúe 7 fases: coordinación xeral, comunicación e difusión, lanzamento da convocatoria, selección de participantes, incubación, xestión da bolsa de axudas, e evento final de presentación de resultados. A oferta económica da empresa adxudicataria recolle 61.226 euros para o servizo de xestión, coordinación e asesoramento; e 24.360 euros para a contratación de titores especialista e formadores. Deste xeito, no contrato inclúense 138 horas de formación e 28 horas de titorización.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames adxudicou en 85.586 euros o servizo de xestión do laboratorio audiovisual"

Ames Go: "O Goberno de Ames adxudica o servizo de xestión do laboratorio amesán de produción audiovisual, o Ames AV Lab, por 85.586 euros"

Apróbase a adxudicación do servizo de xestión do laboratorio amesán de produción audiovisual, o Ames AV Lab, por 85.586 euros